Xuño 2019

30-6-2019

aquelas viñas do avó

 


os postes da cabeceira da viña
labradas pedrafitas de granito
están tirados no chan do poulo
sen parra sen uvas sen vendima
aquel comunal traballo e rito

na ghaspara

 

 

27-6-2019

arbore e erva



a grandota árbore
e a pequena erva
coas súas últimas flores

o carballo deixará a súas landras
e algunhas chegarán a ser árbores
pero poucas serán grandotas
e tardarán moitos anos

en cambio as pequenas
flores dos tróqueles
deixarán centos de sementes
e xa o vindeiro ano
haberá moitas ervas coma esa

na ghaspara


24-6-2019

flores e sementes



os tróqueles
campanillas ou digitalis
en apoxeo hai unhas semanas
murchan as flores e as sementes
seguirán os seus camiños
cumprirán a súa tarefa?

primeira foto de barbara

barbara-aldiss.com
nos poulos da ghaspara

 

 

23-6-2019

poema de carvalho calero

 


Non amo moito a poesía . Amo-a...

Non amo moito a poesía . Amo-a
como o retrato dunha mulher querida
cando non tenho a mulher pe de min .
Se tivese a mulher
esquecería o retrato.

Poesía retrato
de qué ? Felicidade ?
Deus, vida, ben, sosego ?

Mais o pobre que sonha coa riqueza
cómo non amará un pouco
os contos de tesouros ?

ricardo carvalho calero

do volume pretérito imperfeito
no libro aneis de agua 1961
orixinalmente noutra grafía
na foto o seu carné do seminario
de estudos galegos


22-6-2019

versos a carvalho calero



escribireiche un fado profesor
mestre ricardo carvalho calero
un fado con pedras compostelanas
todas en pretérito imperfeito

terei o canto para nevegar mañán
as augas do río do esquecemento
e as reticentes costas de fisterra
e entrar no teu ferrol de neno

porque o futuro está condicionando
que a túa obra sexa silenciada
como toda voz  boa e xenerosa
e esas pedras vivas compostelanas

 


hox a real academia galega
nomeóu pras nosas letras  2020
a ricardo carvalho calero
ou foi a ricardo carballo calero !?

versos de marzo 92


21-6-2019

solsticio rego

 


rego a rego
solsticio de verán
mínimo tempo

o rego de auga
líquida vida
entre as plantas

na ghaspara

20-6-2019

ervas e flores do monte

 

 


na outra beira da estrada
as ervas e flores do sobreiro
son máis e máis variadas
que o lixo montuno
da anterior entrada

no sobreiro

18-6-2019

lixo no monte

 


a coutada da familia
está a beira da estrada
e nela foron tirando lixo
nas últimas ducias anos

debaixo do carballo e das acacias

atopei once rodas de coche

unhas sobre a terra outras enterradas
e unha desfeita porta cristaleira
tres saquetes de escombros
zapatos trapos e ferros varios
vintetantas botellas de plástico
e bolsas en descomposición
tamén derivadas do petróleo

lixo que se nos clava moito máis

que os pinchos de silvas e acacias

unha pequena televisión

e un cativo boneco de trapo

cordas cables e cajetillas de tabaco
unha ducia de botellas de cristal

e a de ron aínda lle queda un vaso
incontables latas de cervexa e refrescos
as dos últimos anos de aluminio
e as máis vellas aínda de ferro
chatarra que se che desfai nas mans
como así se desfai a nosa sociedade
e boa parte do noso medio

no sobreiro


10-6-2019

ate o 40 de maio


até o corenta de maio
non te saques o saio
di a tradición popular
pero xa nos últimos anos
o frío ía e viña ía e viña
até o 50 e 60 de maio
son cousas do capital
dos seus tubos de escape

dos cruceiros dos avións...
da condición do aire
e do aire mal acondicionado
das chimeneas e das caldeiras
cousas do cambio climático

 

 

05-6-2019

dia do medio ambiente

 


día mundial do medio ambiente
dos mares e das montañas
día das algas e das medusas
dos fentos das flores das árbores

día dos caramuxos e dos saltóns
dos golfiños e das aguias
día pois da natureza toda
e día dos humanos tamén !?

foto na lagarella

01-6-2019

medio pan e un libro ninguens

 


medio pan e un libro
un libro e medio pan
millo ou trigo pro xantar                  
as palabras pro espirito
dixo lorca o granadino
os dous deben ir da man

pan e libros cos ninguéns
entre lorca e galeano
imos da man e da mano
neste mundo do revés
boas cabezas mans e pes
vós seguide moitos anos

educación e cultura
van co traballo social
un libro e medio pan
coida e aprende da natura
e as consciencias xa maduran
cos outros hai que ir da man



praza da pescadería

neste tan inxusto vigo

cos ninguéns nós compartimos

cantigas e poesías

seguide coa travesía

entre compas pans e libros


manolo pipas