nota a nota
a lua a noite
xa toda rota
as repúblicas americanas
da mal chamada hispanoamérica
repártense no noso rueiro
agrupadas case todas
agás unha afastada delas
tomo un café colombiano
na rúa ecuador esquina panamá
con vistas á rúa venezuela
cara arriba seguen as rúas bolivia
nicaragua honduras e puerto rico
e como vedes non casan ben co mapa
baixa méxico cruzando varias
destas rúas atopándose con cuba
guatemala paraguay e brasil
e ao este vai colombia e el salvador
e máis pabaixo pero ao norte no mapa
perú uruguay e república argentina
andan entre tangos e milongas
tamén hai rúas de conquistadores
e prazas da realeza da conquista
pero so unha rúa dun libertador
simón bolivar e lonxe
a rúa salvador allende
e van todas en irmandade
colón hernán cortés e pizarro
isabel e fernando católicos
e a noxenta rúa da hispanidade
fáltannos a rúa costa rica
e afastada de todas elas
a costaneira rúa chile
como os andes pois
logo está a praza de américa
coa súa porta do atlántico
ou o seu arco de triunfo
o cronista
envolventesaspalabras.info espazo coordinado por lariño
realizado e albergado en promathea ;)