Abril 2014

30-4-2014

abril maio saudades




este último día de abril

atópase co primeiro de maio
aquí neste café de catro a catro
e nas rúas entre lisboa e parís

que lle dirá o abril do setentecatro
ao velliño maio do sesenteoito
amigo xa perdimos moito tempo
parece que quedamos mui poucos

as augas do tejo e do sena
buscan as augas salgadas!
pero elas serán dóces
ou serán augas amargas?

versos do recital con servando
compartidos hai unhas horas

manolo pipas


28-4-2014

man e flor




a man e a flor
sombras na parede
baixo o sol

na serra
zapoteca


26-4-2014

a flor a palabra o canto




uns poucos anos pasaron
diversas son as saudades
a flor a palabra o canto

esa utopía soñada
amiga dos ollos tristes
o canto a flor a palabra

pensamento e corazón
bermellos cravos amiga
a palabra o canto a flor

pasaron anos pasaron
cada un coa súa saudade
a flor a palabra o canto


manolo pipas


25-4-2014

enrique cos vellos gaiteiros




hai un ano nestas datas

enrique baixou do palco
deixou partitura e gaita
un pouco orfos quedamos

os campos ben florecían
non agardou polos maios
cos cruceiros e os morenos
marchou nun pequeno barco

unha ría e outra ría
polo lérez remontando
e suben por viascón
pra visitar a ricardo

e chamaron aos soutelos
e fixeron un asado
e contaron aventuras
daqueles tempos pasados

e foron tocando os vellos
muiñeiras e fandangos
pasodobles polcas jotas
todos ao pe do canastro

manolo pipas

poema recitado onte
no memorial enrique otero
con luis caruncho á zangona
que tamén cantou o poema
o gaiteiro do fragoso

xa publicaco neste espacio
coa música de enrique
ao pé do canastro



23-4-2014

de abril a maio poemas e cancións




entre poetas e cantoras recital

poemas e recitado manolo pipas
guitarra e cantos servando barreiro
unha viaxe poético musical pola terra
por outras terras próximas
e por espacios das américas
no café de catro a catro
rúa girona 16 vigo
mércores 30 de abril
as nove e media da noite

o último día de abril
atópase co primeiro de maio
aquí no de catro a catro
e nas rúas de lisboa e parís...

22-4-2014

despedida memoria do gabo




    Recordar es fácil
    para el que tiene memoria
   Olvidar es difícil
   para quien tiene corazón

         Gabriel García Márquez

a cidade e o altiplano de méxico

extrema con aracataca e bogotá
parís barcelona e la habana

os de arriba despediron
a gabriel garcía márques
e seica lle rendiron honores
os de abaixo celebramos ao gabo
con lecturas públicas festa e poemas

o palacio de bellas artes
que eu coñezo un pouco
ten moito máis de palacio
que de cultura

os presidentes de méxico e colombia
teñen moito máis de represores
que de gobernantes
camiñei un día o teu barrio de méxico
sen saber que alí vivías e escribías
pero máis parei no veciño coyoacán

aquí na vella europa
desta a terra da túa posible visavoa
escoito un disco de totó la momposina
cos seus sons e cumbias que tanto gostabas
mentres tomo en soedade na túa memoria
un mezcal oaxaqueño

manolo pipas


21-4-2014

a nave e a lúa




do tamaño dunha lavadora

un cacharro duns 380 kilos
esta chamada sonda ladee da nasa
é unha pequena nave automática
que custou a dobremente astronómica
cantidade de 200 millons de euros

estivo en órbita tomando mostras
da atmósfera da lúa que nós
tanto e tanto temos contaminado
e fixo algunha outra chapuciña máis
polo ben da estupidez humana e do consumo
e investigacións e probas que non nos van contar

a nave partiu en setembro
e quedáballe pouco combustible
e parece que se empotrou na lúa
facendo un crátez no noso querido satélite
e mesmo había un concurso para adiviñar
o día e hora e outros detalles do seu fin

dentro da nave van as cinzas dun científico
que seguirá xogando a guerra das galaxias
e supoño que as cinzas da ética dos outros
cientificos que non teñen os pes na terra
ok

o lunático cronista


19-4-2014

vinte versos de soedade




décimas costeñas por un papá grande

abril camiñaba vago
e agora triste camiña
aracatama unha piña
suspira polo seu mago,
nome de neno este gabo
que ven da comunidade
máxica a realidade
do teu relato tan fondo,
ai meu vello de macondo
cen anos de soedade

un café nesta terraza
que eu quixera en bogotá
en parís ou coyoacán
nas túas queridas prazas,
esa novela la casa
que pasou a ser cien años
este café colombiano
pide un tango de gardel,
e cantigas de brassens
utopía e desenganos

manolo pipas


19-4-2014

soneto de gabo




Si alguien llama a tu puerta, amiga mía,

y algo en tu sangre late y no reposa
y en su tallo de agua, temblorosa,
la fuente es una líquida armonía.

Si alguien llama a tu puerta y todavía
te sobra tiempo para ser hermosa
y cabe todo abril en una rosa
y por la rosa se desangra el día.

Si alguien llama a tu puerta una mañana
sonora de palomas y campanas
y aún crees en el dolor y en la poesía.

Si aún la vida es verdad y el verso existe.
Si alguien llama a tu puerta y estás triste,
abre, que es el amor, amiga mía.


gabriel garcía márquez

aracataca colombia 1927
cidade de méxico 2014

un dos seus poucos poemas
escrito hai sesenta e pico anos

18-4-2014

os bancos da bouza




na bouza e arredores 

temos uns pouquiños bancos

debaixo dos arcolitos
outros baixo dos carballos

e este banco da alcaldía
á beira do vello parque
de costas á charca e a vida
case igual que ese alcalde

o cronista

16-4-2014

política e xogo




dúas noites despois

do día da república
xogan a copa do rei
do gran deporte de masas
os da capital da meseta e do reino
e os da capital da nacíón
sen estado máis grande do réxime

política negocio espectáculo
deporte profesional con moita
ou pouca profesionalidade
e algo de violencia dentro e fóra
e o rei que andaba cazando
petrodólares case non chega
para oir como moitos súbditos
lle pitan o seu hino

proveito

o cronista

14-4-2014

14 de abril a república




a manifestación pola república
vai sair do republicano cruce de urzaiz
coa monárquica rúa do principe
camiña setentecinco anos despois
do segundo trunfo dos fascistas
o primeiro trunfo foi o golpe de estado
e a súa terceira victoria foi reinstaurar
a monarquía durante a transacción

escoito falar en pequenos grupos
e logo durante a manifa oio
berrar pola terceira república
e tamén pola república galega
pero a realidade do desgoberno
da estrema dereita nos leva
cara un lugar totalmente contrario

cando vai sair a manifestación
a bandeira abaixo e a esquerda
e ao fondo o edificio do museo do marco
os antigos xulgados e a antiga prisión
onde estiveron os últimos
presos antifranquistas

hai anos está reivindicación
era ben marxinal e nós unhas ducias
pero hoxe fomos uns centos
pola república

o cronista