Febreiro 2015

08-2-2015

na defensa do galego

 

 

a manifestación na defensa do galego

para algúns de nós empezou no concerto

de a quenlla na noite do sábado en vigo

do folklore a neira vilas e diaz castro

suso vaamonde celso emilio …

30 anos na defensa do galego

 

 

na entrada da alameda

aínda é cedo para sair

non é tarde pero o tempo

vai contra nós ... resistir

 

canta o cego na alameda

canta visión nos seus versos

e muitos non queren ver

como se perde o galego

 

somos gaitas e tambores

somos cornos e buguinas

na defensa do galego

da nosa tribo e terriña


o cego borxa e mero de a quenlla

os tambores son os fondaos do pífaro

 

manolo pipas

 

06-2-2015

cooperativistas coplas

 

 

esta coop cincoentesete / social a cooperativa

banka ética que cousa / solidaria que alegría

 

o número que da o nome / é das socias fundadora

polas terras catalanas / empezou pois esta obra

 

esta árbore medrou / botando moita semente

e xermolou na galiza / esta coop cincoentesete

 

foi pola vila do lérez / que esta coop cincoentesete

ben liou a este cronista / pola rúa villaverde

 

o ramón que me ofreceu / cooperar neste proxecto

pasarme pola asamblea / e tentar botar uns versos


a pontevedra chegara / coa lección algo aprendida

que a nuria me contou / cousas das cooperactivas

 

e escribiume a presidenta / é un proxecto apaixoante

entón merece estes versos / e tamén algún romance

 

esta coop cincoentesete / entre o mar e as montañas

das aldeas ás cidades / outro sentir nas finanzas

 

pois se son nosos os cartos / que fan nun banco metidos?

xogarán cos teus aforros / prestaranllos ao nemigo!

 

pola vosa web entrei / vexo que pouco se move

as outras redes socias / fan ben e mal día e noite

 

da terra á cidadanía / facemos comunidade

mellor que camiñar so / é levar acompañante

 

cinco puntas ten a estrela / máxico número o sete

ben cargada de sinerxias / vai esta coop transparente

 

día sete en pontevedra / reunión cooperactiva

que vaia ben miñas compas / e xa chego á despedida

 

cooperativas as coplas

do poema coopera-activo

versos son cincoentesete

neste ingreso merecido

de sinerxias transparentes

 

o cronista

 

 

05-2-2015

catro días rotondianos

 

 

calendario rotondiano

para estas vindeiras datas

xoves cinco as seis rotonda

estaremos con pancartas

 

venres seis polo xulgado

nove e media miña amiga

na hora do seu café

repetimos as consignas

 

o alcalde ordea

a policía mente

ke suban no alfageme

e que os leve a marea

 

o luns nove toca pleno

seica arriba hai un circo...

as once nós pola praza

todos somos xurxo amigos

 

o xuízo mercores once

nove e media nos xulgados

logo hai un teatriño

polos dereitos humanos

 

o alcalde ordea

a policía mente

ke suban no alfageme

e que os leve a marea

 

o cronistadecoia

 

 

04-2-2015

polas netas do galego

 


polas fillas dos nosos fillos

queremos galego

manifestacion en compostela

na alameda o domingo 8 as 12

 

e no concello de santiago

os fillos dos fillos dos franquistas

estes días golpean

con máis forza a nosa lingua

seguen a poñer atrancos

a nosa palabra

 

o cronista

 

 

 

03-2-2015

frío e figura

 


neva no interior do país

pero non nesta cidade

e a falta de neve

coas froitas do inverno

fixemos un apaño

con esta figura

 

lariño

 

 

 

 

02-2-2015

dos furancheiros

 


para ser bo furancheiro

tes que parar por s brais

polo día pola noite

con calmiña até a mañán

moitas caras ten a festa

beber xantar e cantar

 

viño branco viño tinto

fermentados destilados

ten coidado coas medidas

e non perdas o teu paso

moitas caras ten a festa

non esquezas o teu bando

 

o cronista

 

 

01-2-2015

ayotzinapa a catro meses

 


catro meses de iguala e ayotzinapa

desaparecidos estudantes de guerrero

que facían memoria do 2 de octubre

e como tristemente agardábamos

non hai nen haberá xustiza

 

as fotografías dos estudantes

en branco e negro lembran

tempos pasados non esquecidos

e a precaridade das súas comunidades

 

a segunda imaxe con debuxos e cores

pon as enerxías de tantos artistas

e quere berrar aínda máis forte

 

manolo pipas

 

 

01-2-2015

sobreira de coia

 


temos no barrio de coia

unha árbore solitaria

non se sabe como foi

que ela chegóu á mediana

pouco reparamos nela

polo asfalto rodeada


nos paseos da avenida

non hai outra coma ela

ollando para a rotonda

solitaria unha sobreira

entre carros i edificios

bota en falla ás compañeiras

 

lariño