Abril 2020

30-4-2020

baixo minimos



as plantas do aire
viven baixo mínimos
sempre sen terra
e neste mes florecen
aprendamos delas


pipas



30-4-2020

virus mortos e desaparecidos


cando hai unha catástrofe
un gran terremoto un sumani...
hai mortos e desaparecidas

na traxedia do coronavirus
tamén hai mortos e mortas
e houbo desaparecidos
por erros ou pola incompetencia
de funerarias e aseguradoras
e os coordinadores desta emerxencia
e moitos corpos de persoas mortas
botaron días desaparecidos
dos seus seres queridos

catástrofe ou desgracia
tamén podemos chamarlle
ás guerras e ao terrorismo
e ao terrorismo de estado
cos seus mortos e desaparecidos
pero a un terremoto e unha pandemia
non lle podemos chamar guerra

e as mortes
son da súa familia
e dos seus seres queridos
non dalgúns parásitos políticos
que sen ética os utilizan

o cronista

29-4-2020

natureza e confinamento 2



nas miñas permitidas baixadas
á avenida polo estado de alarma
percibo que ninguén
se senta nos públicos bancos
das nosas beira-rúas

neste banco rodeado de malvas
alguén deitóu unha sobre el
a malva chamada na nosa cultura
a planta dos mortos...

un de campo

28-4-2020

alarmas e emerxencias


neste país temos estado de alarma
estado de emerxencia noutras terras
irmáns aquí perto ou lonxanas
a humanidade a vida do planeta hai anos
que está en estado de alarmaemerxencia


o alarmado cronista

27-4-2020

as cativas e os paseos


cruzeime onte cun adulto
que ía cunha nena con patíns
que teñades un bo paseo
díxenlles e sorriron
e logo me cruzei cunha cativa
da man do seu posible pai
e díxenlles o mesmo

aos que non temos fillos
nen crianças darredor
faltábannos estas
flores de abril
pero moitos adultos

que sacaron as cativas...

toda esa rapazada
corentepico días pechada
en poucos metros cadrados
merece tamén o noso aplauso

o adulto cronista


26-4-2020

chios e cantos

 

un novo día e mencer
chían e cantan as pombas
e as ras cantan tamén
unhas namorando as outras
vida     ségueste a mover


pipas 

 

 

 

25-4-2020

soños e pesadelos


poida que non houbese nunca
un país verde longo e mariño
poida que non houbese nunca
un pobo triste e silenciado

só ti fuches verdade inmutabel
voz caravel alma puño loita
a única vitoria dos perdedores
o hino dos condenados a vencer

dubido mesmo dos pesadelos
con máscaras de ditadores
con desfiles de sonámbulos
aclamados por reféns asustados

poida que nin teña habido siquera
penais con nomes arrepiantes
nin sádicas sombras pagas
para amedrentar torturar e matar

quizá teña soñado un país
que foi obrigado a sementarse
polo mundo para recoller
o froito morto do desprezo

luis feijóo

hoxe 25 de abril tiñamos
programado no uf un recital
de homenaxe ao zeca afonso
de cantigas e poemas onde
o luis cantaría a súa trova

quedará para outra noite 
vintecinco de abril sempre



24-4-2020

de pactos e rescates


un gran pacto nacional
queren eses da monchoa
nen moncloa nen coroa
república federal

un gran pacto dos darriba
como foi na transacción
aquela gran traición
hoxe sería suicida

os darriba que devolvan
todo o que teñen roubado
solte a banka o seu rescate
rescatemos aos de abaixo

o cronista 

23-4-2020

notas desta crise mundial 4


en edificios de barrios
pobres das cidades de colombia
as familias colgan das xanelas
panos bermellos en sinal de auxilio

o medo camiña nos espacios
mais golpeados polo virus
pero en guayaquil e noutras cidades
as persoas pasaron do medo ao pánico

nun lugar da india tamén
animaron as sanitarias
a deixar a comunidade
pero alí foi a pedradas

seica alemania ten poucas mortes
porque alí buscaron o corona-virus
desde o principio con miles de test
no estado español esperaron polo virus

moitas miles de persoas
non teñen teito onde confinarse
e son millóns os que non teñen cartos
para aguantar un confinamento
e teñen que sair a rúa a buscalos
a fame mátaos antes que  o virus

o cronista

22-4-2020

a belica voz da crise


rolda de prensa da crise
no estrado uns ministros
un sanitario un tricornio
un policía un milico ...

rolda do corona-virus
cada día no estrado
sanitario e secretaria
e os tres uniformados

pouco sanitarias roldas
as palabras máis usadas
loita enemigos soldados
derrotar herois e batalla

rolda a rolda pouco oimos
palabras da sanidade
prevención curar afectos
protección solidariedade

rolda a rolda os belicistas
e non temos unha guerra
son médicos non soldados
isto é unha pandemia

o cronista insubmiso


21-4-2020

decimas confinadas


outro día confinados
collimos unha empanada
dunhas xoubiñas pescadas
por mariñeiros coitados,
moitos gremios golpeados
comercios que se reinventan
ás casas mandan a venta
asados caldos e guisos,
se ti non baixas do piso
alguén amable cho leva

avanza o confinamento
confinado un novo día
saiume outra poesía
que non nos falte o alento,
sol e chuvia e frío e vento
a primavera anda tola
din as pombas e as rolas
logo han nacen os tomates,
regalei uns aguacates
as farmacéuticas compas

manolo pipas


20-4-2020

as sanitarias e os cobardes


a varias coitadas sanitarias
uns veciños anónimos
deixáronlles papeis escritos
nas súas portas pedíndolles
que deixaran o edificio
por se contaxiaban
a alguén da comunidade

a outra coitada sanitaria   
outro anónimo e cobarde veciño
pintóulle no seu coche no garaxe
en letras bastante grandes
rata contagiosa

as ratas son animais sociais
que coidan moito das súas crías
as ratas non son nada cobardes
e se puderan votar nunca o farían
por desmantelar a sanidade pública
e vos compañeiras sanitarias        
contaxiades profesionalidade
amor ética solidariedade…

un amigo das sanitarias