Maio 2017

16-5-2017

dezasetes de maio pois



dezasetes de maio

dezasete de maio cantares
e contos fondos de rosalía castelao…
curros … celso emilio… novoneyra ...
manuel maría carlos casares …
chegará algún día a mesma honra
e honrase a si mesma a real academia
algún ano con ricarco carbalho calero !?


festivo dezasete de maio

co dezasete de maio
gañamos un festivo non relixioso
que se suma ao día da clase obreira
pero igual que o primeiro de maio
perdimos moita reivindicación
cando se institucionalizóu o día
e se normalizóu e utilizóu
mesmo nas portadas en galego
dos españolistas xornais en 17 de maio
cando case sempre nos traducen neles
cando poñen frases e entrevistas nosas

a compostela grandes e pequenos
na alameda e na quintana todas !!

un que fai versos


16-5-2017

catro incribles de sobradelo

 


un carballo de tres ghallas e outro de dúas
unha única árbore ergueita e un cuarto
quercus cos dous troncos medio enredados 
na tardiña catro incribles agardan pola lúa

catro árbores insubmisas de sobradelo
coma catro incribles carballos tangaraños
coa súa historia influencias e ben entonados
curiosos carballos moi cribles en cuarteto

ollando e vendo pra tangaraña carpa amable
catro carballos libertarios da terra da chispa
que posta en escena que música na tardiña
incrible nas súas pólas en irmandade

ao leo o anxo o constela e o sobrad(el)o

o cronista


15-5-2017

enredadas ghallas



as dúas ghallas
do sobradelo carballo
fermosas enredadas
bailan no tangaraño

pipas



14-5-2017

pinceladas do tangaraño cultural

 


pinceladas do tangaraño cultural de sobradelo

chovía cando saimos da coia indíxena
e chovía pola portela pola ría e no camiño
e descargaban as nubes por sobradelo
porque somos do país da chuvia pois

recibiunos a chuvia e as familias tangarañas
e os máis vellos do lugar con vida os grandotes
castiñeiros que tantas castañadas vos deron 
e tanta leña e calor coa poda deron pras casas
e recibironnos tamén as abandonas vivendas
e as follas de carballos e nogueiras secas
polo frío tolo de finais abril que trouxo o cambio
climático que proboca o consumo das cidades

a chuvia o sol a chuvia … o húmido e redondo
mercado tamén con productos reivindicativos
e os xogos populares son redondos o trompo
a billarda as canicas … redonda a pandeireta 
cilíndrico o pequeno punteiro e as mazorcas
do millo e os troncos dos vosos avós castiñeiros
que os da costa asombrados mirábamos-víamos
desde a casa social do sobradelo-tangaraño

o barro estaba agardando as vosas mans
as mans de antela e sarela mans de auga
que construen formas redondas pras mentas
pro viño e o likor café do meu tocallo nóvoa
pros caldos e sopas e cuscús das toñas
rosas e iolandas e pras futuras queimadas

e esas mans antes puxeron a voar animaliños
de papeis de cores que eu dobrei cos dedos
e mentres ían os xogos populares dixen que eles
pola chepa eran coma dragóns voadores ou cocas
e cando lle pregunto a unha das nenas xa me di
camello voador é o meu e doulle nubes de comer 

na tangaraña procesión entre nubarróns
que xa non chovían e entre os canastros
abandonados oin falar das mulleres sabias
as avoas do coñecemento destas terras

fora e dentro as apertas os poemas e as cantigas
o mercado os obradoiros os regalos e intercambios
e no pregón non citei a reivindicación do rural
porque xa está nas rimas de terra ríos e chuvia
nos biosbardos farrapos e deusa … e mándolles
agora un poema en verso libre e tentarei voltar

con máis rimas e contos e animaliños de papel

e noces insubmisas de tres e catro valvas

doce horas tangarañas podería ser un tempo e título
ben redondo pero foron unhas poucas horas máis

de poemas trova e froitos da terra cociñados fermentados destilados macerados e apertas e mesmo algunhas bágoas


redonda é a pota da queimada e redondos son os micros

e o obxetivo da cámara e obxetivamente redondos os astros

e seguiu a roda do retraso e rodando o cultural tangaraño

envolvente na terra da chispa de sobradeliño

de sobradelo a coia-rural
este indíxena do outro-vigo


manolo pipas


14-5-2017

as tangarañas sextetas



as tangarañas sextetas para un pregón farrapeiro

veciñas e visitantes   sobradelo tangaraño
xúntanos aquí outro ano   pola cultura e a vida,
xa vos damos a benvida
co corazón entregado

entregados nestes lares   doce e pico en trece de maio
abrense pois os mercados   e os xogos populares,
achegaremos o mare
a este novo tangaraño

nesta aldea sobradela   na farrapeira cultura
poden cantar as pinturas   deben danzar os poemas,
trece biosbardos reman
nunha gamela madura

solistas dúos e tríos   cuartetos e indefinibles 
a boneca co imprendible   e os coellos brincan no río, 
tangaraño en desafío
cos poetas do imposible

no sobradelo xantar   temos bo xamón asado
callos e bolos preñados   bica e todos a bicar,
pros raros do festival
temos un cuscús vegano

alma-mater tangaraña 
rochi nóvoa dos farrapos
ten a mestra algo de papo  
pero ela que ben nos trata,
pedímoslle unha cantata
con versos libres de trapo

chus láuzara a madriña   amiga chapapoteira
a pintora da portela   as súas mañas ensina,
farrapeira chaparrita
chus láuzara zaramela

doutras portas doutras covas  iolanda aldrei veu con sheela
hoxe deusa sobradela   sempre libre sempre nova,
pra elas e vos esta trova
sodes miña parentela

nas cantigas tangarañas   temos voces ourensáns
daniel e nacho a trovar   máis ou menos desgarradas,
son almas algo macarras
sempre a tangarañar

na noite o berro do leo   arre-arremecaghoná
co mundo que enfermo está   tremendo é o seu cabreo,
retranca do miño ao eo
o berro enche o festival

oin falar tan ben de ti   que pensei que morreras
cantará anxo blas na eira   con escarnio e bendecir,
paragüeiro  ese  existir
cunha trova farrapeira

estes días nós miramos   
moitas veces para o tempo
terras e pozos sedentos  
necesarios os chuvascos,
que eles nos den un descanso
que chova logo con senso

sábado trece de maio    número da rebeldía
o tangaraño este día   sementa artes e cravos,     
bermellos contra os malvados
comunidade e utopía

no sobradelo follón    que non nos fallen os cables
os incribles os inchables   os do barro a proxección,
reverendo e procesión
todas nós tangarañables


graciñas por esta carpa húmidos van os poemas

a chuvia por fóra rega    que máis vida ela reparta,
logo haberá unha  tarta
dos catro anos de entrega?

chegado o fin que dicer   o cronista da unha aperta
ás familias sobradelas    organisasión case un dez,
tremendo o voso cartel
que chispa eles e elas

e sinto non ter pra todas 
uns versos nunha sexteta
despídese a marioneta   
con pregón brincadeira oda,
que siga a tangaraña roda
que viva a nosa boneca

figueirido-portela-sobradelo
e recitado no evento

manolo pipas

 

13-5-2017

18 anos de monicreques

 

 

dezaoito anos xa de monicreques
o festival xa se fai maior de idade
pero que siga sendo un neno sempre
quererá votar ou botar con integridade!?

o festival desta volta caravela choqueira
dará as súas voltas e perninentes revoltas
do quince ao vinteún de maio en redondela
entrará pola ría e subirá polo alvedosa

o cronista

 

12-5-2017

a parrula e o pato

 


a pomba non lle fai caso ao palomo
o golondrino ignorado pola anduriña
o urraco despreciado pola pega
a parrula foxe do pato

o bicho



11-5-2017

unhas rimas tangarañas

 


sobradelo tangaraño            
un encontro cultural
temos artes a fartar
sábado trece de maio,
contigo nós xa contamos
se te podes achegar

nesa aldea sobradela
na farrapeira cultura
poden cantar as pinturas
deben danzar os poemas,
trece biosbardos reman
nunha gamela madura

solistas dúos e tríos
cuartetos e indefinibles 
a boneca co imprendible
e os coellos brincan no río, 
tangaraño en desafío
c@s poetas do imposible
...

manolo pipas


10-5-2017

húmidas oito



na mañán xa son as oito
as nubes prometen chuvia
darredor do teu reloxio
e enriba dúas gaivotas
rinse do tempo revolto

en travesas


09-5-2017

ánimas cotiás

 

 

aí vedes esta ánima
de canso corpo presente
se cadra polo sacramento
que consumiu relixiosamente
da máquina expendedora
e bota un sono na súa rúa
que lle preste

imaxe duarte ferrín


08-5-2017

esperpento valle inclan



hai uns días na tardiña   nun universo lonxano
cando pasean se atopan    dous amigos literatos

un camiña nunha capa    cos seus lentes e barbado
outro vai co seu sombreiro  tamén lentes e un cigarro

cae un chaparrón no parque    e acollidos nun carballo
van falar do noso mundo     valle inclán e castelao

-que tal amigo daniel      como vai ese catarro
non fas caso ao teu doutor  que mal tempo e ti fumando

-e vostede don ramón   véselle mal-encarado
esa capa i esas barbas   xa non locen como antano

-navegando en interné   eu pesquei novas de abaixo 
por culpa da miña obra   anda revolto o teatro

-algo dixo rosalía    polo bar de taramancos
seica non podes soar   na lingua que nós herdamos

-din que a decisión foi miña  mais se é certo me retracto
os meus netos a disgustos   queren cortarme outro brazo

-no castelán sigo preso   mais cos cartos dos paisanos
o goberno do pepé    ben amosa o seu recato

e o que manda nese centro  di que están sendo acosados
son consignas e panfletos que denuncian o roubado

hai actores e actrices  que se retiran chorando
e non é pola emoción   recoñecen ese atraco

compostela e pontevedra   e agora en vigo un bardo
bota coplas que en cuartillas  dan aos que xa van entrando

ese que galego chaman   ai que dramático centro
é traxedia ou comedia o seu último proxecto

meses antes da estrea  xa xurdira o enfrentamento
na defensa do teatro    foi nacer un manifesto

e din que a universidade   xa seguiu o mal exemplo
onde teño que asinar  onde pon a cruz o cego  

harmónico bilingüismo  por respeto e por modernos
e despois que monten raza   que tamén é un esperpento

chegan grupos de cativas   cos seus mestres controlando
unhas poucas fan un coro  que ben están afinando

entre compostela e vigo  moitos asentos baleiros
é traxedia ou comedia   o seu último proxecto ?

e cecáis  mellor sería   que este fose o derradeiro
benvido centro español  ai que tráxico este centro

outra xente nun lokal   leva adiante un recitado
o bautista e ligazón   as galas e o malpocado

-ai daniel que envexa teño  ai que gañas de ir prabaixo
os meus textos en galego   van mellor que en castellano

-ti que queres que che diga  os da mesa son mui brandos
hai que ser mais radicais   e botalos dos teatros


isto escribín hai dezanove anos

e publiqueino no libro marzo

abril e outros naufraxios
seica a proibición xa deu rematado
parece que xa anda o valle en galego
acabóuse o longo e inxusto esperpento


na estatua da alameda de compostela

valle inclán segue agardando a castelao

pra botar con el novas parrafadas teatreiras

manolo pipas


07-5-2017

non hai terras prometidas



daniel castelao luis seoane
maruja mallo maría casares...

de castelao a seoane
diáspora da pintura
compromiso da cultura
co pobo a comunidade

con eles maruja mallo
tertulióu en argentina
tamén é surrealista
moito do noso pasado

guerra exilio inmensa dor
van pechar poucas feridas
non hai terras prometidas
moitos no exilio interior

as migrantes i exiliados
porto aberto buenos aires
tamén maría casares
actuóu nos teus teatros

de europa e do caribe
ao río da plata chegan
exiliados desta terra
e nela galiza vive

imaxe natureza viva
de maruja mallo

manolo pipas