As cinsas do cantor Suso Vaamonde,
amigo e compañeiro, foron botadas ó río oitabén
polos seus amigos un primaveral día de inverno.
O río que acolléu a súa infancia acolléu tamén
os seus restos.Nel mora como unha xacia,
e a súa música e a súa enorme persoa camiña
coa auga cara o mar da inmortalidade
Baixan as augas caladas
do cantor van namoradas
e a troita no areal
Baixan as augas mainiñas
do cantor namoradiñas
cantigas para o mar
O inverno no triste día
quixo esquence-la invernía
e a primavera a raiar
E os amigos na camposa
fixeron leiro de rosas
e as cinzas cara o mar
E cando a neve se apouse
e a paz no oitabén repouse
o silencio cantará
A lontra fará o seu niño
e danzará en remuiños
ó son dese teu cantar
E pousado no ameneiro
o cuco teu compañeiro
non parará de cucar
E nos muiños e as maquías
roularán coma nos días
en que a fartura era pan
xosé luis rivas cruzonte o mini e o mero cantaron
na homenaxe ao suso vaamonde temas seus e do trovador de regodobargo
e esta cantiga grabarona co grupo a quenlla
no disco silencios da memoria