elexias

18-7-2010

cantiga de amigo

As cinsas do cantor Suso Vaamonde,
amigo e compañeiro, foron botadas ó río oitabén
polos seus amigos un primaveral día de inverno.
O río que acolléu a súa infancia acolléu tamén
os seus restos.Nel mora como unha xacia,
e a súa música e a súa enorme persoa camiña
coa auga cara o mar da inmortalidade




Baixan as augas caladas
do cantor van namoradas
e a troita no areal

Baixan as augas mainiñas
do cantor namoradiñas
cantigas para o mar

O inverno no triste día
quixo esquence-la invernía
e a primavera a raiar


E os amigos na camposa
fixeron leiro de rosas

e as cinzas cara o mar


E cando a neve se apouse
e a paz no oitabén repouse
o silencio cantará

A lontra fará o seu niño
e danzará en remuiños
ó son dese teu cantar

E pousado no ameneiro
o cuco teu compañeiro
non parará de cucar

E nos muiños e as maquías
roularán coma nos días
en que a fartura era pan

xosé luis rivas cruz

onte o mini e o mero cantaron
na homenaxe ao suso vaamonde
temas seus e do trovador de regodobargo
e esta cantiga grabarona co grupo a quenlla

no disco silencios da memoria



25-3-2010

corazon de tantas terras


elexia a mercedes sosa

esas zambas e milongas
esas pampas e montañas
chacareras e tonadas
eses rios e memorias

esa lua ventureira
ai mercedes e o seu poncho
a cantora e o seu bombo
esa voz de tantas terras

mercedes a tucumana
esas prazas esas pontes
eses soños esas dores
voceira da pachamama

esa muller ventureira
ese mar co seu rumor
ese grande corazon
corazon de tantas terras

vigo 10-09

28-1-2010

o neno asasinado

ai chamaco neno morto
otra vida xa se vai
ferida comunidade
no medio de vellos cerros

vellos cerros que non entenden
esta mentira esta guerra
que sempre chega de fora
con ocultos intereses

interesa pois a vida
e que os nenos so xoguen
e que non se desesperen
entre balas non perdidas

non está perdido este pobo
pero moitos triquis camiñan
entre armas que dominan
os seus corazons de cerros

os cerros a resistir
esta mentira esta guerra
que sempre chega de fora
coa cor do huipil

o huipil de vivos bermellos
non é de sangue derramado
é de sangue que declara
que non se pechen mais ollos

oaxaca 11-09

 


Distribuir contido