23-4-2010

polución no teu cemiterio

Desacougados quedan teus cravos vermellos
na cinza diluída na auga escura do meu floreiro.
Pasa o tempo coma o trafego sanguíneo
de arterias aforcadas en tolemias graxentas
desasistidos miserábeis en crucifixións verdes
nos dominios de grandes corazóns enfermos,
respiracións entrecortadas i exaltadas
cando os teus ollos húmidos perden soño en destellos
e asoman asedios de pipas erectas
sobre das insinuacións marelas nas tebras
de patrias supostas no teu corpo verdescente
porque te venden, porque perdes monte
porque te quero verde mancomunada
porque te busco saudábel entre brétemas sinistras
e non sei se acaso te atopo nun punto cativo
perdido no medio da Ría que agarda
a que moitos en recuperalo perdan a vida;
mais eu sempre te desfruto enferma
e gusto de verte universal rediviva
no meu exceso volcánico de exaculación ideolóxica
porque te quero fodida antes que morta de medo
porque te rego de esperma curado de arrepío
porque cómpre saca-lo terror das tombas
nas que copulamos envelenados co tempo;
porque te alugan en nichos comunitarios
porque a cota láctea non te enche o ventre
porque te tiran en fosas miña amada rubia galega.
Pero medrarán na polución dos cadavres as serpes
coma a semente, miña amada, coma a semente.
O povo é quem mais ordena, no mar e na terra
e tamén no pube da matria nos cemiterios.
E ti, Xuntacadavres, nada sabes destes místeres
mais as tebras chamarán por ti encantadoras
cando encendamo-la utopía no ultraista burato negro
onde amamos ao demo de pirola rabela e cornos alleos.
Os tempos son chegados, querida,
pro meu deleite no teu ventre de inferno.

alfonso láuzara

poeta do colectivo a porta
verde do sétimo andar