Xuño 2016

05-6-2016

os puños e a palabra

 


a palabra de muhammad alí golpeaba

moito máis forte que os seus puños

 

o insubmiso á guerra do vietnam

e defensor dos dereitos dos afroamericanos

logo doutros duros golpes mudóu o seu nome

porque classius clay era o nome dun escravo

 

desgustame moito ese chamado deporte

e nen pola tele aturei ollar un combate

o boxeo é un montón de homes

brancos vendo como un home negro

golpea e vence a outro home negro

unha da moitas acertadas frases

de muhammad alí que na imaxe

con malcolm x so emprega

as mans para saudar

 

pipas


04-6-2016

as palmeiras e a celulosa

 

 

estiven hai uns días en pontevedra

e a fermosa cidade do lerez

coma moitas veces apestaba á celulosa

pero as súas palmeiras xa as vedes

espléndidas nos seus parques

acostumaronse a peste de ence

que non así a flora debaixo das augas

 

espléndidas as palmeiras

será que o picudo bermello

non atura a peste da celulosa?

ou será que o seu concello

tratóu a tempo as palmeiras?

 

hoxe é a enésima

marcha contra a celulosa

e algo derrotados sabemos

que serve para ben pouco

eu excuso a miña ausencia

 

pipas


 

03-6-2016

pobrecitos imputados

 


cando un do pp ou psoe

ou outro coas mans manchadas

sae de declarar nos xulgados

dille á prensa estas palabras

mi máximo respeto a la justicia...

se cadra tamén hai mínimo respeto

ou ningún respeto as leis

se cadra non di a verdade

 

mi máximo respeto a la justicia

tamén as din outros hipócritas

politicos cando imputan

a alguén do seu partido

 

a pinocho medráballe o nariz

por mentiras muito máis pequenas

 

o cronista


 

01-6-2016

memoria da guerra de kosova

 

 

kosov@ guerra e fuxida

 

kosovo en servio

kosova en albanés

 

o home crea as armas e as armas crean guerras

kosova longa queixa entre pobres montañas

 

perdidas as conciencias as armas buscan corpos

entre servia e kosovo agora so miserias

 

cara onde o noso carro preguntan os meniños

incertos os destinos de corpos derrotados

 

e van vellos que nunca sairan destas terras

fantasmas doutras guerras coas súas preguntas

 

na ponte destruida o grupo que se para

maldicen estas caras unha bala perdida

 

á noite chega á marcha repousan en ruinas

e alguén busca cantigas pra dormir ás criansas

 

arrurrú pequena

que lonxe está pristina

e ti naceche nela

xusto antes da fuxida

 

arrurrú khimara

queda pouca comida

e os campos florecendo

alleos á fuxida

 

arrurrú pequena

a radio xa sen pilas

mellor non saber nada

da guerra e da fuxida

 

hai quen non vai nas marchas e algúns sofren paseos

dos berros ao silencio abonda cunha bala

 

as mans deses gatillos e as mans quearroxan bombas

van xuntas nesta historia cavando un xenocidio

 

cecais muit@s non volten cecais nada se salve

e nós nesta cidade complices das súas mortes

 

agardan con esmolas campos de refuxiados

dúas veces derrotados por quen lanzou as bombas

 

este campo vai pechar nas portas muitas xentes

e dentro os seus parentes que nunca máis verán

 

arrurrú khimara

historia repetida

tampouco aquí nos queren

e segue esta fuxida


arrurrú pequena

perdoa esta cantiga

xa sei que non me entendes

nen se entende a fuxida

 

os corpos rezagados con minas van pechar

queren vender a paz con escudos humanos

 

pagou un tren civil outro erro dos avións

perdón pede o terror mais o erro é combatir

 

ameazas mui serias preparan a invasión

hai medo na rexión a que se estenda a guerra

 

uns poucos refuxiados en avións van subir

ofrécenlles vivir nos culpables estados

 

aos seus destinos chegan mais non cambian a hora

seguen coa de kosova até que morra a guerra

 

 

arrurrú khimara

agrandan as feridas

a cada novo paso

que marca esta fuxida

 

arrurrú pequena

pristina destruida

mais nela ti naceche

xusto antes da fuxida

 

arrurrú khimara

saberemos un día

o que se nos oculta

da guerra e da fuxida

 

primavera 99

publicado no libro marzo

abril e outros naufraxios

 

manolo pipas