nota a nota
a lua a noite
xa toda rota
kosov@ guerra e fuxida
kosovo en servio
kosova en albanés
o home crea as armas e as armas crean guerras
kosova longa queixa entre pobres montañas
perdidas as conciencias as armas buscan corpos
entre servia e kosovo agora so miserias
cara onde o noso carro preguntan os meniños
incertos os destinos de corpos derrotados
e van vellos que nunca sairan destas terras
fantasmas doutras guerras coas súas preguntas
na ponte destruida o grupo que se para
maldicen estas caras unha bala perdida
á noite chega á marcha repousan en ruinas
e alguén busca cantigas pra dormir ás criansas
arrurrú pequena
que lonxe está pristina
e ti naceche nela
xusto antes da fuxida
arrurrú khimara
queda pouca comida
e os campos florecendo
alleos á fuxida
arrurrú pequena
a radio xa sen pilas
mellor non saber nada
da guerra e da fuxida
hai quen non vai nas marchas e algúns sofren paseos
dos berros ao silencio abonda cunha bala
as mans deses gatillos e as mans quearroxan bombas
van xuntas nesta historia cavando un xenocidio
cecais muit@s non volten cecais nada se salve
e nós nesta cidade complices das súas mortes
agardan con esmolas campos de refuxiados
dúas veces derrotados por quen lanzou as bombas
este campo vai pechar nas portas muitas xentes
e dentro os seus parentes que nunca máis verán
arrurrú khimara
historia repetida
tampouco aquí nos queren
e segue esta fuxida
arrurrú pequena
perdoa esta cantiga
xa sei que non me entendes
nen se entende a fuxida
os corpos rezagados con minas van pechar
queren vender a paz con escudos humanos
pagou un tren civil outro erro dos avións
perdón pede o terror mais o erro é combatir
ameazas mui serias preparan a invasión
hai medo na rexión a que se estenda a guerra
uns poucos refuxiados en avións van subir
ofrécenlles vivir nos culpables estados
aos seus destinos chegan mais non cambian a hora
seguen coa de kosova até que morra a guerra
arrurrú khimara
agrandan as feridas
a cada novo paso
que marca esta fuxida
arrurrú pequena
pristina destruida
mais nela ti naceche
xusto antes da fuxida
arrurrú khimara
saberemos un día
o que se nos oculta
da guerra e da fuxida
primavera 99
publicado no libro marzo
abril e outros naufraxios
manolo pipas
envolventesaspalabras.info espazo coordinado por lariño
realizado e albergado en promathea ;)