Marzo 2015

17-3-2015

sanitarios en folga de fame

 


non son luces de festa

estas que decoran povisa


a saude é un negocio

leo nunha faixa na porta de povisa

neste centro médico privado

trece foron os despedidos

catro son @s que están en folga de fame

xa oito dias na entrada do hospital

 

esta tarde traballadores do centro

e moitos apoios deron voltas

darredor do hospital con velas

que foton colocadas na fachada

e na porta principal de povisa

 

a saúde é un negocio

e máis negocio é aínda

a enfermidade


enfermos de dificil cura 

o dono e os gobernantes

 

o cronista



 

 

15-3-2015

brétemas e máis camiños

 

 

inmensa aldea de lugo

dentro das túas murallas

entre paredes dunha vella casona

as fotografías do cántabro vicente

os nosos poemas e recitados

as músicas as cancións

 

as fondas palabras de maría

que alí ten as súas raices

coordinóu estes traballos

e quere seguir nesa terra

 

imaxino que unha das moitas

aldeas abandonadas de galiza

nacéu hai algúns ou moitos séculos

e foi medrando lentamente...

o chamado progreso e o consumo

do século xx fixo que perdera poboación

a guerra e a dictadura golpeárona máis

o seu último nacemento hai corenta anos

o seu último habitante marchóu ou morréu

hai uns vinte anos de brétemas

 

a memoria da aldea

é a suma das memorias

de cada unha das súas casas


logo do comunitario evento

nós marchamos a conversar

darredor dos froitos da terra

as fotografías e os versos

ficaron en silencio outra vez

á beira da praza da soedade

 

foi tan pouco o que fixemos!

que máis podemos facer?

que lle podemos decir

ao home desta imaxe?

 

manolo pipas



15-3-2015

bogo e outras memorias

 

  

               a anxo ocampo

 

vilargondurfe san paio vilaeimil

herbelle vilarxubín e bogo

teñen imaxes como esta

de vicente ansola

 

bogo esa aldea da pontenova

hai moitos anos era para min

so o nome dunha mercería

bogo un nome extraño e máxico

no baixo do edificio dunha rúa

importante da miña cidade

pero detrás dela había e hai

tamén casas abandonadas

como en toda a cidade de vigo

centos de abandonadas casas

mesmo varias no meu camiño de coia

perto do surrealista barco na rotonda

 

máis tarde coñecín ao fillo

da señora daquela mercería

el nacera na emigración en francia

ela era da golpeada aldea de bogo

 

anos despois baixei polo río eo

e estiven en bogo e outras aldeas

e lembro especialmente a ferrería

co seu mazo movido pola auga

que fora recuperada e que agora

está abandonada polos gobernantes

 

a mercería bogo hai anos que pechou

o camiño levoume o venres pola súa rúa

polas brétemas da súa memoria

 

poema recitado onte en lugo

coas aldeas abandonadas


manolo pipas

 

 

 

14-3-2015

polas aldeas abandonadas

 

 

brétema no bosque

no camiño e na aldea

compañeira brétema

 

ergueita memoria

abandonado canastro

ai aquelas colleitas

 

este camiño de inverno

que leva ao pasado

que non se perda

 

a natureza ocupa

cada casa abandonada

cada aldea perdida

 

caldeiros de metal

canta auga subida

canta a carrexada

 

o cuarto e a cama

a xanela e os soños

espertos e dormindo

 

desaparece o rural

a cidade que o golpea

desaparecémolo todos

 

vello labrego coa fouce

temos unha como a tua

hai tempo que non a uso

 

cae a cal das paredes

as paredes van cair

e caerán as casas

 

con estas imaxes

eu sinto tristura

e sinto vértigo

 

solitario vello gaiteiro

vai convertir o alalá

nun requiem pola aldea

 

para unhas fotografías

de vicente ansola

como esta imaxe

 

manolo pipas



 

13-3-2015

miñoca e rotonda

 


señor inaugurador

que lle pasóu na miñoca

vergoña terá mui pouca

fachada de mal cartón

 

meu decrépito embusteiro

que lle pasóu á mañán

que non puido inaugurar

fallaronlle os seus palmeiros

 

este centro veciñal

da rotonda a cen metros

merece todo o respeto

que un represor non dará

 

o cronistadecoia

 

 

 

 

13-3-2015

cidade fermosa das protestas



vigo cidade fermosa / ten rotas ben pintorescas

nun so día coma onte / podes ter catro protestas

 

concentración no xulgado / por montaxes policiais

dese barco na rotonda / que come axudas sociais


un pálido rotondiano / acusado sen sentido

ser traballador social  / é algo con certo perigo

 

isto foi pola mañán / pola tarde na rotonda

van vixiar ese barco / a civis global e aos goas

 

logo da súa asemblea / algúns destes rotondianos

sindicalistas apoian / inxustamente condeados

 

das escaleiras do marco / pasan á farola os micros

por outra causa mui xusta / un independista detido


hoxe temos pola noite / outra ética misiva

pola praza dos cabalos  / cos despidos de povisa

 

activistas de rúa e de click

cidade e país fermosos

pero sobran nesta terra

represores e mafiosos

 

o cronistadevigo

 

 

12-3-2015

na brétema os camiños

 

 

os camiños da brétema exposición

de fotografías de vicente ansola

e recital de poemas de dezaoito voces

que se inspiraron nestas imaxes

das aldeas abandonadas da pontenova

de bogo vilargondurfe san paio vilaeimil

herbelle e vilarxubín entre vellas pontes

das augas que van pro río eo

 

en lugo entre as murallas praza da soidade

museo provincial o sabado 14 as 6 da tarde

a memoria dunhas aldeas e das nosas tribos

 

brétemas e camiños fotografías de vicente ansola

poemas de maría xosé fernández iolanda aldrei

alfonso láuzara xosé iglesias patricia sánchez

miguel a alonso rosa enríquez marta pedrosa

paco souto rochi nóvoa miguel anxo mato

jose estévez ramiro vidal mariola soutelo

xose abeledo pilar mera e manolo pipas

coa música de miguel alonso e green label

 

praza da soidade entre as murallas

as fotografías e as palabras

da soidade das aldeas abandonadas

 

envolventes

 

 

 

 

12-3-2015

presentacion de muller de papel

 

 

presentación

 

boa noite imos presentar esta caixiña

boa noite rapazas de papel rapaces de cartón

poeta e pintora fotógrafos e cantores boa noite

boa noite á nai e o pai e parentes varias

recoñecidas e farrapeiros e os compas da barra

amigas da auriense e demáis familia benvidas

cóntovos que é ouro esta caixiña

que teño e podedes ter agora nas mans

ouro do outro cultura e memoria viva

e artistas somos todas

 

lembranza recreada de onte

 

 

soleira

 

esta caixiña que tes nas mans e abriche

ten trinta e dúas follas soltas liberadas

elas van e móstranse nunha orde

pero ti podes mantela ou cambiala

 

esta muller de papel é fráxil e moi forte

e desta volta chéganos polo inverno

menos escura e moito máis acompañada

coa paixón do seu corpo nun novo proxecto

 

nas túas mans un traballo de cartón e papel

os poemas as fotografías as acuarelas

en papel se amosan aos teus ollos dedos e nariz

e as cantigas naceron dunhas pequenas letras

escritas en papel por unha muller de papel

poemas que ela quere que musicados poidas oir

 

esta muller poeta que chaman rochi

convidou a unha rapaza e uns rapaces

a xuntar nunha caixa afectos estampas farrapos

bolboretas portas medos culturasvoces árbores

acrílicos contos estradas flores retratos ritmos

violetas silencios visitas lúas golpes bicos...

 

se rochi fose unha muller de papel

non tería saído esta caixiña colectiva

partindo das súas vísceras e da súa pel

 

publicado na caixina cuns pequenos

arranxos do directo de onte

e na imaxe rochi e toño

 

manolo pipas



 

11-3-2015

camiño de ourense

 

 

mentres vou no lento tren

ollo as augas do pai miño

que fuxiron da cidade

que pon fin ao meu camiño

 

vexo o vello portugal

que sente pasar as augas

pensando nas mil historias

que nos xuntan e separan

 

vexo igrexas de medo

e cruceiros esquecidos

que en tempos eran menhires

ou pedras de sacrificio

 

vexo tráxicos encoros

que asulagaron aldeas

e outras perdidas no monte

penso que estarán baleiras

 

e chegamos á cidade

das fontes que aínda fumegan

sen saber que o vello miño

baixa frío entre as ribeiras

 

poema-alalá dos anos 90

que grabaron os carunchos

e os cantares do brión

que o cantaron o sábado

como un río de voces


manolo pipas



 

 

10-3-2015

muller de papel

 


Se fora unha muller de papel

poderías escribirme pregarme,

gardarme lerme

e facer un avión de batalla.

Se fora unha muller de papel

poderías facer unha paxariña

e guiarme coa túa voz

polo labirinto da túa

 

rochi nóvoa

 

 

presentación de muller de papel

no café cultural auriense de ourense

o mércores once as oito e media da noite

poemas acuarelas fotografías cantigas

rochi nóvoa chus láuzara pepe escano

josé ramón araújo roberto garcía sáchez

dani soldevila nacho martínez cástor pérez

antonio toño fernandez e servando barreiro

a pintura é de chus láuzara

 

 

09-3-2015

feminista caravana

 


entre nusaybin e coimbra

hai millóns de mulleres

millóns de feministas

unhas que así se definen

outras que non o saben

 

de kurdistán a portugal

partiu a caravana feminista

da marcha mundial das mulleres

kurdistán turquia grecia ...

e a caravana recorrerá paises

e fará paradas nas cidades

do sur e do centro da vella europa

o mediterraneo os balcáns

o danubio ... as rías baixas

a feminista caravana

 

mulleres golpeadas

sempre sementando

 

estaremos en marcha

até que sexamos livres

 

 

08-3-2015

festexando o 8 de marzo



compostela oito de marzo

domingo doce da mañán

un dia para propoñer

para protestar e festexar

con palabras como estas

 

somos guapas somos listas

somos todas feministas

 

estamos até a cona

de que fagades todo

polos vosos collóns

 

é o tempo do feminismo:

da xustiza, da igualdade

da liberdade, da dignidade

e, porque non? da felicidade

 

no recorrido da manifestación

as amigas de begoña colaron

en paredes e bancos copias

desta feminista lámina


e logo por rúas e máis prazas

seguiu a feminista batucada